cartelguia2-001 (1)

 

Santiago de Compostela, 1 de febreiro. O vindeiro 27 de febreiro, o centro de A Banca en Santiago de Compostela, acollerá a presentación da “Guía xurídica en lectura fácil. Titor e tutelado. Dereitos e obrigas” editada por FADEMGA Plena inclusión Galicia.  A Guía convértese así nun importantísimo instrumento de información xurídica accesible para as persoas con discapacidade intelectual e familias.

 

Nesta publicación abórdanse diferentes asuntos de interese para o noso colectivo, como son a tutela, a modificación xudicial da capacidade de obrar, o dereito ao voto, o dereito á imaxe, o internamento involuntario, a responsabilidade civil e penal, etc.

 

En palabras do presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández, “xa pasaron máis de 10 anos dende que publicamos a primeira guía xurídica, e moitas cousas cambiaron. Sen dúbida, a máis importante foi a publicación por parte das Nacións Unidas da “Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade Intelectual” que incide na obriga de que todas as persoas con discapacidade gocen dos seus dereitos e liberdades fundamentais como cidadáns de pleno dereito que son”.

 

A presentación da Guía Xurídica terá lugar o 27 de febreiro no Centro de A Banca (Praza de Cervantes, Santiago de Compostela) e no acto participarán persoas con discapacidade intelectual que contarán en primeira persoa as súas experiencias en materia de reivindicación de dereitos, como a loita por recuperar o dereito ao voto, a  capacidade de obrar ou a adaptación de sentenzas a lectura fácil para facilitar a súa comprensión.

 

A xornada de presentación será de balde, e aqueles interesados en asistir deberán remitir a ficha de inscrición dispoñible a través da web (www.fademga.org) á dirección areasocial@fademga.org.

 

O prazo para a inscrición rematará o 20 de febreiro.

Pin It on Pinterest